Vía Verde - Información

A Deputación impulsa o emprendemento turístico sostible na Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle

As xornadas celebraranse o 23 de febreiro en Ordes e o 2 de marzo en Cerceda, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), financiado con fondos Next Generation EU.

A Deputación da Coruña organiza os Encontros de Emprendemento Turístico Sostible e gastronomía Circular na Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, dúas xornadas orientadas a impulsar novas formas de entender o turismo e a gastronomía desde a perspectiva da economía circular.

Potenciar as sinerxías da Vía Verde

Estas actividades enmárcanse no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia– Next Generation EU, e teñen como obxectivo reforzar a competitividade do tecido empresarial local a través da sostibilidade, a valorización do produto de proximidade e a creación de sinerxías no territorio.

Os encontros nacen coa vontade de crear un espazo de reflexión e aprendizaxe práctica no queempresas, persoas emprendedoras e axentes locais poidan coñecer experiencias inspiradoras, compartir retos e identificar oportunidades de colaboración. A través de relatorios, conversas e demostracións culinarias, preténdese poñer en valor o territorio e os modelos de negocio que apostan pola sostibilidade como eixo de diferenciación e desenvolvemento económico.

Emprendemento Turístico Sostible

O primeiro encontro, dedicado ao Emprendemento Turístico Sostible, celebrarase o vindeiro 23 de febreiro no Museo do Traxe de Ordes (17-20h). A xornada centrarase no papel da Vía Verde como motor de actividade económica e contará coa participación de proxectos de referencia como Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del Bosque e Galiwonders, que compartirán as súas experiencias na integración da economía circular, a valorización do territorio e a comunicación da sostibilidade como elemento diferencial.

Gastronomía Circular na Vía Verde.

O segundo encontro terá lugar o 2 de marzo no Viveiro Empresarial de Cerceda (17-20h) e estará centrado na Gastronomía Circular na Vía Verde. A xornada combinará relatorios, intercambio de boas prácticas e un showcooking con degustación a cargo de Gastrolab Arousa, ademais da participación de Horta da Lousa, proxecto agroalimentario do territorio que exemplifica a produción ecolóxica e a recuperación de variedades locais como parte dunha estratexia de desenvolvemento sostible.

A participación é gratuíta, mais require inscrición previa a través do formulario habilitado:
https://forms.gle/CRtuty7ReGdE22xt9

As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.